Monday 06 de May de 2024

O BNG de Oleiros organizou un paseo informativo de concienciación na Zona de Especial Conservación- Rede Natura- Reserva da Biosfera- Monumento Natural da Costa (des)protexida de Dexo


Comprobamos in situ a anarquía que impera na Costa (des)protexida de Dexo con flagrantes infraccións do Decreto 101/2000 da Consellaría de Medio Ambiente que regula o Monumento Natural, circulación de vehículos a motor, instalacións particulares e fixas de carácter recreativo, o grave deterioro do Castro das Rozas, a ampliación de camiños existentes, alarmante perda de biodiversidade.

BNG de oleiros reclama a suspensión inmediata do Trail previsto para o vindeiro domingo, recorda que o espazo (des)protexido segue sen dispor dun plan de xestión e lamenta a “indolencia” da Xunta de Galiza

Faltan 6 días para que teña lugar (celebración ningunha) no Monumento Natural da Costa (des)protexida de Dexo o “IX Costa-Trail de Oleiros”. O BNG de Oleiros organizou onte, día 19, unha andaina informativa, á cal asistiu un número reducido de persoas entres as que se atopaban veciñas do Concello, representantes de grupos ecoloxistas e dos medios de comunicación, o concelleiro do BNG en Oleiros e a parlamentaria nacional do BNG Mercedes Queixas. O grupo foi dirixido polo guía local Franqui Illanes, experto coñecedor do Monumento, sensibilizado coa protección e defensa do mesmo, que desenvolve este tipo de actividades con asiduidade e co único obxectivo de concienciar coa necesaria protección da Costa de Dexo. Este foi o obxectivo do paseo, concienciar, informar e advertir dos riscos que existen para o patrimonio cultural e ambiental, nomeadamente no Castro das Rozas e na importante e diversa reserva de flora e fauna que este Monumento Natural posúe. Lembremos que nos atopamos ante unha zona de referencia de colonias de aves mariñas na Galiza, que alberga 82 especies de aves, 57 das cales son especies que aniñan, nomeadamente na especie de corvo mariño cristado, especie para cal a Costa de Dexo é a zona costeira máis importante da Península.

En menos de dúas horas de un día calquera detectamos moitas das eivas que asolan o Monumento, comezamos polo Castro das Rozas onde poidemos aprezar o terríbel impacto que está a causar o paso de bicicletas por varias partes dos muros e do foso. Lembremos que o servizo de Patrimonio da Xunta (achégase documento) previa denuncia da sociedade Galega de Ornitoloxía pola brutal afección que ía supoñer para o Castro o trazado da VI edición do trail, recoñece no ano 2017 que “ o tránsito de vehículos a motor, bicicletas e en menor medida peóns está a provocar a o inicio de procesos erosivos que comezan a desmantelar irrevisiblemente a estatigrafía arqueolóxica” “Deben de cesar inmediatamente os axentes causantes do dano. Será necesario excluir o castro da ruta de senderismo e de rutas ou probas deportivas, modificando a sinalización in situ, folletos, rutas en internet ou calquera outra. Deben ser colocados paneis que prohiban o acceso ao castro con biclicletas, motos, quads…” Seis anos máis tarde nada avanzou, tan só o alarmante deterioro do Castro

O guía amosounos o gravísimo impacto que causan os salvaxes desbroces que provocantractores autorizados nas beiras dalgúns camiños, afectando gravemente a flora de diferentes hábitats de interese comunitario e especies de animais “para cuxa conservación foi necesario designar zonas de especial conservación…” do anexo I e II da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992.

O guía amosou ademáis o insoportábel dano que causan as bicicletas pola erosión e pola falta dun plano integral de xestión que impida o seu paso.

Fomos testemuños do paso dunha moto de trial, achegamos probas gráficas do mesmo, a escasos metros dos cantís, zona de aniñamento da colonia de corvos mariños. O propio guía chamou contra ás 12,27h. ao teléfono 981610001 da policía municipal de Oleiros, para que procederán a identificar e a denunciar ao infractor, a contestación recibida foi “si quiere poner una denuncia pásese por aquí…. (dependencias policiais)”

O guía fixo mención da triste perda de biodiversidade de anfibios (un deles, o sapiño pinto (Discoglosus galganoi) incluído no anexo II de Directiva antes mencionada polo descontrol e falta de normativa referente ao paso de cans no espazo (des)protexido.

Contemplamos finalmente instalacións fixas que levan uns dous anos no Monumento Natural e feitas para o lecer e o recreo privado. Subliñar que “as edificacións permanentes de calquera tipo” están expresamente prohibidas no Monumento natural alén de que están localizadas en terreo rústico, non sendo acordes coa Lei do Solo da Galiza.

Moitas destas situacións aparecen explicitamente prohibidas no Decreto 101/2000 da Consellaría de Medio Ambiente que regula o Monumento Natural.

Este desleixo continuará se en 6 días temos na zona 350 persoas a trotar por onde lles pete. A día de hoxe non temos constancia de ningún tipo de autorización ou supervisión por parte da Xunta da Galiza do Trail, non se sabe cal foi a intervención preceptiva de Medio Ambiente e Patrimonio, non son públicas as medidas que se van tomar para protexer a biodiversidade e patrimonio ameazados ou as medidas de control anteriores e posteriores á celebración do mesmo. O Trail é un perigo real inadmísibel, demandamos responsabilidade á Xunta de Galiza, que cumpra coas súas funcións. Descoñecemos absolutamente o trazado polo miúdo do IX Trail do domingo cuxo trazado é deseñado polo organizador privado. Fiscalizaremos xa que semella que as Admistracións competentes non son precisamente iso, competentes.

A día de hoxe, a única información que temos de parte da Administración autonómica foi a resposta da Xefatura Territorial da Consellaría de Medio Ambiente da Coruña á consulta elevada por parte de veciñas de Dexo, na que a devandita Xefatura manifestou, vía correo electrónico, descoñecer absolutamente a existencia dun Trail na Costa de Dexo, mesmo manifestando que nesa institución non consta ningunha solicitude a ese respecto.

Co obxecto de aclarar a situación, o BNG no Parlamento galego demandou toda a información sobre o Trail “fantasma” que terá lugar na Costa (des)protexida de Dexo. As nosas parlamentarias solicitaron respostas claras sobre a propia celebración do IX Trail, sobre se a Xunta coñece o trazado polo miúdo da proba, sobre a solicitude por parte da empresa organizadora de atravesar a totalidade do Monumento natural da Costa Protexida de Dexo, acerca de se existe autorización por parte da Xunta, se esta proba é compatíbel coa devandita catalogación de Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo, catalogada ademais, ao abeiro do Decreto 101/2000, como Monumento Natural e Zona de Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo”, tamén se inquire sobre a existencia de informes de medio Ambiente e Patrimonio á vista da especial sensibilidade da zona en ambos os dous eidos, e finalmente demándase información das medidas que se van tomar para a protección do Patrimonio cultural e natural, alén da solicitude da inmediata suspensión da proba dado o invasivo da proba e a necesaria priorización do devandito Patrimonio descrito.

O BNG de Oleiros, após a súa solicitude de acceso ao expediente ou á documentación existente, foi informado por parte do Concello de Oleiros de que o organizador do Trail é un club privado. O Concello é consciente da sensibilidade da área protexida e é competente para autorizar a proba por decorrer por un só termo municipal. Porén, só dará o visto e prace á proba se concorresen as demais habilitacións, permisos ou autorizacións que fosen preceptivos. Si temos, pois, confirmación por parte do Concello de Oleiros de que non van ser abertos novos camiños e de que no caso de desenvolverse o Trail por propiedade privada sería con autorización dos veciños propietarios. O Concello supervisará o trazado, aínda por concretar, do Trail aos efectos de garantir estes aspectos.

O BNG informou ao Concello da existencia de camiños de posíbel recente apertura que poderían, presuntamente, ser empregados como parte do trazado do Trail e en zonas que poderían ser de especial incidencia.

Dende o BNG, demandamos máis unha vez á Dirección Xeral de Conservación da Natureza que reconsidere se é o máis acaído para unha zona protexida destas características que 350 persoas corran en pleno período de aniñamento de aves pola totalidade do Monumento Natural, fixando novas sinalizacións que en moitos dos casos fican e non se retiran, alén de todos os traballos preparativos previos e posteriores á propia proba. Demandamos, pois, a inmediata suspensión do Trail e que non volva ter lugar na até o de agora Costa (des)protexida de Dexo, Zona de Especial conservación (ZEC) Rede Natura Costa de Dexo e Zona de Reserva da Biosfera, cuxas proteccións oficiais na práctica non equivalen a nada. Dende o BNG ofrecémonos para procurar itinerarios alternativos ao lugar máis sensíbel e digno de protección do Concello e dos máis importantes da Galiza.

Tamén dende o BNG queremos insistir máis unha vez en deixar claro o noso máis absoluto apoio e compromiso coa actividade física, o deporte e as competicións deportivas de todo tipo que teñan lugar no Concello; é máis, promovémolas e alentámolas: carreira si, mais non así, nun Monumento Natural.